Abstract: | O obxectivo central deste traballo de investigación, co que se desexa obter o
título de doutora, é demostrar como Agustín Fernández Paz se formou na institución
docente, chegou a ocupar o seu centro e, desde ela, o centro da institución literaria. Este
proceso articulouse a partir da publicación de obras literarias dirixidas en primeira
instancia aos máis novos, é dicir, as que conforman a denominada literatura infantil e
xuvenil galega, unha literatura que tardou moitos séculos en chegar a ser considerada
como un sistema literario propiamente dito e, polo tanto, digna de ser estudada e
investigada desde as metodoloxías que ofrecen os Estudos literarios. É esta unha
denominación baixo a que se agrupan catro disciplinas –Teoría, Crítica, Historia e
Literatura Comparada–, cuxa interdependencia, como apuntou Darío Villanueva (1991,
2004), favorece que os enfoques asumidos combinen un tratamento analítico e
valorativo, sincrónico, diacrónico e comparativo, incluíndo outrosí a perspectiva da
recepción, de aí que se tomarán os aspectos destas teorías que contribúan ao
desenvolvemento desta tese doutoral. |