Abstract: | O cinema, cómplice e testemuña dos procesos históricos, adoita dar pasos de xigante en tempos
de fractura. Na Galiza do tardofranquismo, nun clima de fonda axitación política e cultural,
agroman novas expresións fílmicas que, botando man de formatos de gravación non profesional,
acuñan por vez primeira o termo “cinema galego”. O presente traballo de investigación procura,
por primeiro, achegar unha clasificación tipolóxica das distintas iniciativas de filmación que, na
década dos setenta, circulan a través dunha rede de distribución alternativa, composta por
cineclubs, teleclubs, asociacións de veciños, parroquias, colexios ou locais sindicais. Desde o
filme doméstico, destinado á perpetuación da imaxe da institución familiar, até a expresión
militante, que procura un espectador activo e partícipe dos procesos históricos, pasando pola
esfera estritamente amateur, que se move arredor de festivais e clubs de cinema afeccionado,
procedemos á identificación e análise das principais iniciativas que compoñen a escena
cinematográfica do momento. Logo do necesario labor taxonómico, a pesquisa centra o seu foco
en tres colectivos de filmación que, ao longo da década, buscan asentar as bases para a creación
dunha cinematografía propia para Galiza. A aproximación ao caudal creativo dos grupos Lupa,
Imaxe e Enroba permítenos desenvolver un exhaustivo estudo de cadansúas filmografías, ao
tempo que detectamos coincidencias e especificidades. A análise comparada dos tres colectivos
en termos de estrutura organizativa, escollas formais ou posicionamentos fronte a unha posible
profesionalización do sector, lévanos a unha síntese das distintas correntes de pensamento que
se sitúan na cerna do cinema galego contemporáneo. |