Abstract: | Con esta tese de doutoramento, O Tumbo das viñas de Ribadavia. Estudo histórico e
lingüístico, quérese facer unha achega á investigación sobre os primeiros textos
romances de Galicia.
O traballo baséase na interdisciplinaridade e por iso abrangue todos aqueles aspectos
que se consideraron necesarios para o perfecto encadramento dos textos que compoñen
o pergamiño coñecido como Tumbo das viñas no seu tempo e no seu contexto
lingüístico. Deste xeito, tratáronse aspectos paleográficos, diplomáticos, históricos
prosopográficos e lingüísticos. Estudáronse de xeito especial as caractísticas
diplomáticas, para profundar no tipo documental enquisa que, dentro da categoría dos
documentos non dispositivos, emerxe como fornecedora dos primeiros textos nas
linguas romances do noroeste peninsular. A este respecto, ofrécese unha panorámica da
enquisa na documentación galega desde os primeiros textos ata o ano 1300, a partir dun
corpus de preto de cen documentos.
Con particular detemento e coa metodoloxía da lingüística histórica e comparada,
realizouse tamén o estudo da lingua dos textos que compoñen o Tumbo das viñas, que
inclúe a súa gramática, o seu léxico e unha pormenorizada investigación da onomástica,
tanto persoal coma dos nomes de lugar.
As conclusións deste traballo permitiron datar os documentos, establecer os posibles
motivos da súa elaboración e situalos no seu contexto histórico particular así coma nos
correspondentes ámbitos lingüísticos. |