dc.description.abstract | O turismo desempeña un papel cada vez máis importante na economía e,
singularmente, as viaxes combinadas constitúen unha parte fundamental da
actividade turística. Non cabe dúbida de que o sector dos servizos
combinados se vería estimulado para alcanzar maior crecemento e
produtividade adoptándose un mínimo de normas que supoñan unha serie
de garantías efectivas para os consumidores e usuarios de viaxes
combinadas.
Dito doutro xeito, se o turismo pode ser o alicerce do progreso
social e económico de calquera país, cómpre coñecer e familiarizarse con
toda a normativa, a doutrina e as decisións xurisprudenciais que garanten
unha axeitada protección dos consumidores e usuarios das viaxes,
vacacións, circuítos combinados e do transporte aéreo.
Por outra parte, coa chegada das vacacións proliferan nos medios
de comunicación noticias sobre atrasos aéreos, con perdas de enlaces e de
días de vacacións; extravío de equipaxes; denegacións de embarque;
cancelación de voos… coas conseguintes escenas nos aeroportos dos
lugares máis dispares.
En efecto, os tipos de incidencia que poden ocorrer con ocasión
dunha viaxe en avión son moitas e de diversa índole. Isto supuxo que, tanto
no ámbito internacional, como no comunitario e interno, se adoptasen
medidas tendentes a regular, por un lado, os dereitos dos pasaxeiros e, por
outro, a responsabilidade dos transportistas aéreos.
Partindo desas premisas, a unidade didáctica que se presenta ao
alumnado como instrumento académico de traballo, ten a pretensión de
afrontar as devanditas cuestións dende unha perspectiva estritamente
xurídica.
Así as cousas, o eixe sobre o que gravita a unidade didáctica é o
estudo do contrato de viaxe combinada con todas as consecuencias que
isto supón e que implica un estudo pormenorizado do Libro cuarto —arts.
150 a 165—, do Texto refundido da Lei xeral para a defensa dos
consumidores e usuarios e outras leis complementarias —RDLex. 1/2007,
de 16 novembro—, xa que logo, estúdanse, en primeiro lugar conceptos
básicos da materia, o ámbito de aplicación da lexislación vixente sobre
viaxes combinadas e a forma do contrato; para centrar o núcleo do estudo
nos «remedios» dos que dispón o consumidor e usuario ante o
incumprimento ou o defectuoso cumprimento do devandito contrato: por
exemplo a resolución do contrato e a responsabilidade de organizadores
e/ou retallistas das viaxes combinadas.
Non pode ser ocioso lembrar que todas estas normas, relacionadas
co turismo e, en xeral, coas viaxes, soen ter como denominador común a
protección dos consumidores e usuarios, así acontece cunha Directiva que,
dalgún xeito afecta ás viaxes, por tratar, entre outros asuntos, dos
«produtos vocacionais», trátase da Directiva 2008/122/CE, de 14 xaneiro
2008, relativa á protección dos consumidores con respecto a determinados
aspectos dos contratos de aproveitamento por quenda de bens de uso
turístico, de adquisición de produtos de vacacións de longa duración, de
revenda e de intercambio. Non obstante non se poden descoidar aspectos moi significativos e
imprescindibles para un axeitado estudo das viaxes, como os que atinxen á
compensación e asistencia aos pasaxeiros aéreos, nos casos de
denegación de embarque (overbooking), de cancelación e de grande atraso
nos voos, aspectos todos eles regulados polo Regulamento (CE) núm.
261/2004, de 11 febreiro.
Asemade, non se descoida o estudo da responsabilidade dos
transportistas polas continxencias que resultan da viaxe como a perda,
destrución ou atraso da equipaxe, que leva consigo o estudo, tratándose de
transporte nacional, da Lei de navegación aérea —Lei 48/1960, de 21
xullo— e, no caso de transporte internacional, do Convenio de Montreal —
28 maio 1999 (ratificado por Instrumento de 4 xuño 2002)—.
En síntese, a unidade didáctica O contrato de viaxe combinada
atinxe a un dos contratos que poden resultar máis completos, tanto dende a
perspectiva do estudo do dereito de contratos como dende a perspectiva do
dereito de consumo; xa que logo, o alumnado ao tempo que estuda un
contrato en particular ou de viaxes combinadas, rastrexa cuestións de moi
variada índole, como por exemplo e de xeito significativo, o concepto de
contrato, con todas as connotacións que isto implica; a cesión do contrato;
a súa resolución; o dereito de desistencia; as obrigas mancomunadas e
solidarias; a responsabilidade contractual, as causas de exoneración de
responsabilidade: a forza maior; cláusulas abusivas ou condicións xerais da
contratación.
Cómpre advertir finalmente que a unidade didáctica O contrato de
viaxe combinada concentra os coñecementos básicos sobre unha lección,
non só na materia de Contratos, para a titulación de Dereito —Licenciatura
e, no seu caso, Grao—, e, asemade, quere achegar as liñas esenciais de
dito contrato a dous másters oficiais da Universidade de Santiago de
Compostela, a saber: Máster en Dereito privado —dentro da materia
Protección dos consumidores e novas formas de contratación— e Máster en
Dirección e planificación do turismo —na materia Dereito privado da
contratación e do consumo no sector turístico—.
Así, e sen prexuízo das oportunas e lóxicas adaptacións que a
profesora fará para cada titulación, en atención ao perfil singular do
alumnado de cada unha delas, a lección que constitúe a unidade didáctica
que se presenta é común para as tres titulacións: Licenciatura, ou no seu
caso Grao en Dereito; Máster en Dereito privado e Máster en Dirección e
planificación do turismo |