Publicación estudantil que apareceu o 1 de abril de 1917 en Santiago de Compostela, fundada por Marino López Blanco, que tamén foi director, e por Posada-Curros. Co subtítulo “Semanario escolar”, tiña como lema o texto “Literatura, ciencias y artes. Incansable labor de cultura”. A revista foi iniciativa dun grupo de estudantes da Universidade de Santiago e nas súas páxinas comezaron a escribir algúns mozos que, anos máis tarde, terán un lugar de importancia nas letras galegas. Aínda que os seus promotores procuraron o reforzo de plumas consagradas, tan só foron apoiados polo galeguismo.

Maruxa, que estivo comprometida co bando xermanófilo durante a primeira guerra mundial, entrou en crise no mes de outubro, ao aparecer Suevia, revista que se levou boa parte da redacción. De feito, concluíu pouco despois, no número 35, do 2 de decembro de 1917, anunciando no editorial que desaparecía para ter continuidade en La raza, publicación dirixida por Salvador García Fernández.

Maruxa tiña unha tiraxe de 1000 exemplares, constaba de 8 páxinas e chegou a organizar uns xogos florais. Conformaban as súas seccións habituais artigos literarios, poesía, información e anuncios. A partir do número 5 iniciou unha sección titulada “Verbas enxebres”, que incluía poemas e prosa en galego. En “Verbas enxebres” colaboran, entre outros, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Victoriano Taibo ou Fermín Bouza Brey. Tamén publicou numerosos contos de Leandro Carré Alvarellos, entre outros autores, e ensaios. Finalmente, cabe sinalar a publicación de poesía en castelán de escritores galegos e artigos de persoeiros galeguistas.

Fontes:

Vilavedra, D. (Coord.). (1997). Diccionario da Literatura Galega. II, Publicacións periódicas. Vigo: Editorial Galaxia

Santos Gayoso, Enrique (1990). Historia de la prensa gallega, 1800-1986. Sada: Ediciós do Castro.

Este proxecto recibiu unha axuda da Dirección General del Libro y Fomento de la Lectura do Ministerio de Cultura y Deporte

Recent Submissions

View more






Harvesters:Useful links:
Universidade de Santiago de Compostela | Teléfonos: +34 881 811 000 e +34 982 820 000 | Contact Us | Send Feedback