Galicia moderna : revista quincenal ilustrada naceu o 1 de maio de 1897 en Pontevedra e publicouse quincenalmente ata o 15 de xullo de 1898, data do n. 30, o seu último fascículo. Xurdiu como prolongación xornalística da famosa tertulia literaria da Casa do Arco, na que exercía de anfitrión Jesús Muruais, personaxe cunha especial significación na vida galega da época. Posiblemente de propiedade colectiva nun principio, pasou despois a selo de Gerardo Álvarez Limeses, e desde 1898 ata a súa desaparición, do escritor satírico Enrique Labarta Pose, quen exerceu ademais de director. Concibiuse desde o inicio como "álbum artístico y literario de la región". Diferentes seccións comentaban a actualidade local, con atención a determinados arquetipos da vida popular galega. Recollía seccións dedicadas a mulleres da época, biografías e retratos, monumentos e romerías, así como ao deporte.

Desde o primeiro número incluíu unha "Galería de hombres felices" con semblanzas textuais e fotográficas, algunhas delas en galego. En Galicia moderna reproducíronse así mesmo poemas de autores clásicos galegos e numerosos contos en lingua galega e castelá. A publicación tiña certos aires modernistas, se ben os seus colaboradores e responsables parecen homes alleos a este movemento. Formalmente seguiu o modelo de “Blanco y Negro”.

Fontes:

Vilavedra, D. (Coord.). (1997). Diccionario da Literatura Galega. II, Publicacións periódicas. Vigo: Editorial Galaxia

Santos Gayoso, E. (1990). Historia de la prensa gallega, 1800-1986. Sada: Ediciós do Castro

Este proxecto recibiu unha axuda da Dirección General del Libro y Fomento de la Lectura do Ministerio de Cultura y Deporte

Envíos recentes

Ver máis






Recolectores:Enlaces de interese:
Universidade de Santiago de Compostela | Teléfonos: +34 881 811 000 e +34 982 820 000 | Contacto | Suxestións