Revista que se publica en Bos Aires desde 1925. Xorde como iniciativa de Antonio Díaz Novo cando é nomeado naquel ano presidente da Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión. Tivo como primeiro director a Casto M. Insua, substituído a partir do n. 8 por Antonio Díaz Novo, director en boa parte do período que vai ata 1944.

Publicada mensualmente nos seus inicios, cambiou de periodicidade en sucesivas ocasións, ata converterse en anual. Sufriu ademais interrupcións de varios anos. A revista naceu para informar aos emigrantes na Arxentina dos sete concellos que forman o Partido Xudicial de Corcubión sobre noticias comarcais de todo tipo, económicas, deportivas, culturais e con predominio dos ecos de sociedade (natalicios, vodas ou necrolóxicas).

Desde un primeiro momento abriu as súas páxinas a colaboracións literarias, na súa maioría de escritores da comarca ou vencellados a ela (Pondal, Gonzalo López Abente, Antón Zapata García, Xervasio Paz Lestón así como outros poetas locais) aínda que tamén reproduciu poemas e contos doutros autores galegos. Ramón Suárez Picallo asinaba unha sección titulada “Estampa mariñeira” dedicada a crónicas de ficción inspiradas na realidade galega. A revista contén así mesmo artigos con sinatura dos irmáns Antón e Ramón Villar Ponte, Portela Valladares e Otero Pedrayo entre outros, e colaboracións de ilustradores como Castelao, Maside, Cebreiro, Bagaría ou Camilo Díaz.

Na década dos corenta esta nómina de colaboradores agrándase coa afluencia de exiliados galegos e con textos enviados desde Galicia que, por causa da censura franquista, só se podían publicar nas revistas da emigración. A publicación perdeu nas últimas décadas boa parte do seu interese literario, cinguíndose á usual información para os asociados.

Fonte:

Vilavedra, D. (Coord.). (1997). Diccionario da Literatura Galega. II, Publicacións periódicas. Vigo: Editorial Galaxia

Este proxecto recibiu unha axuda da Dirección General del Libro y Fomento de la Lectura do Ministerio de Cultura y Deporte

Collections in this community

Recent Submissions

View more






Harvesters:Useful links:
Universidade de Santiago de Compostela | Teléfonos: +34 881 811 000 e +34 982 820 000 | Contact Us | Send Feedback