Prácticas modernas : Revista quincenal ilustrada, nacida en 1903 e dirixida por José Gradaille. A partir de 1906 fusiónase coa revista santanderina Industrias rurales e pasa a denominarse Prácticas modernas e industrias rurales.

Prácticas modernas foi a máis importante entre todas as revistas agrícolas da época. Desde o primeiro número contou cun destacado grupo de redactores e colaboradores, entre os que destacan, inicialmente, Bartolomé Calderón e Valeriano Villanueva.

Con cabeceira modernista e vencellada aos círculos social-católicos da Coruña, pero extraordinariamente aberta e de carácter liberal, rematará por revitalizar, en 1907, o Sindicato-Cámara Agrícola da cidade, organismo do que se convirte en portavoz. Penetra así plenamente nas accións agrarias do momento, orientando incluso a actividade sindical da famosa Unión Campesina. Tanto os dirixentes da Cámara Agrícola como a revista estaban relacionados estreitamente co movemento Solidaridad Gallega.

A publicación contribuíu á formación de agraristas tan importantes como Rodrigo Sanz e Juan Rof Codina. Nela fíxose explícita a vontade modernizadora e divulgadora e o seu liberalismo será recoñecido incluso polos republicanos de El Combate. Algún deles, como Arturo Casares Quiroga, presentan colaboracións nas súas páxinas.

Tiña subscritores sobre todo na Coruña, pero tamén noutras provincias españolas, destacando, polo gran número, Barcelona, e tamén no estranxeiro, sobre todo en México.

Contaba con correspondentes nas principais cidades e vilas galegas, ademais de ilustres especialistas estranxeiros. Publicaba información sobre política agro-gandeira referida a Galicia e sobre temas agropecuarios de todo o mundo.

Deixou de publicarse en 1913 pero reaparece en Barcelona como sección fixa para Galicia e Asturias de “El Cultivador Moderno”, baixo a dirección de Rof Codina. A sección dedicada a Galicia manterase nesta última publicación barcelonesa ata a Guerra civil

.

Fonte:

Santos Gayoso, Enrique (1990). Historia de la prensa gallega, 1800-1986. Sada: Ediciós do Castro.

Este proxecto recibiu unha axuda da Dirección General del Libro y Fomento de la Lectura do Ministerio de Cultura y Deporte

Recent Submissions

View more






Harvesters:Useful links:
Universidade de Santiago de Compostela | Teléfonos: +34 881 811 000 e +34 982 820 000 | Contact Us | Send Feedback