Estudo comparado da narrativa infantil e xuvenil de ficción científica nas literaturas galega e portuguesa
Please use this identifier to cite or link to this item:
http://hdl.handle.net/10347/3622
Files in this item
Metadata
Title: | Estudo comparado da narrativa infantil e xuvenil de ficción científica nas literaturas galega e portuguesa |
Author: | Mociño González, Isabel |
Advisor: | Roig Rechou, Blanca Ana |
Affiliation: | Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Filoloxía Galega Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Filoloxía |
Date of Issue: | 2012-02-02 |
Abstract: | Esta tese de doutoramento inscríbese nas liñas de investigación da Rede Temática “Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano/As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIJMI/LIXMI) e aborda, dende unha perspectiva comparatista, o estudo da ficción científica nos polisistemas portugués e galego. Con este traballo téntase responder á necesidade de ir cubrindo baleiros e liñas deficitarias no estudo da Literatura Infantil e Xuvenil. É por iso que o corpus central desta tese está constituído polos textos de potencial recepción infantil e xuvenil, aínda que tamén se atende de modo máis sucinto a produción dirixida ao público adulto, por considerarmos significativa a comparación entre ambos sistemas. Os presupostos teóricos que serven de base a este traballo son os que se ofrecen, fundamentalmente, dende a literatura comparada ou o estudo comparativo da literatura e a teoría dos polisistemas, por usaren metodoloxías que teñen en conta o complexo sistema de relacións que se estabelecen na literatura, concibida como un fenómeno semiótico máis. Tamén se considerou acaído para esta investigación a adopción dunha perspectiva conceptual ampla da literatura pola consideración durante moito tempo da ficción científica como unha produción marxinal e ignorada polos estudos académicos, que progresivamente foi adquirindo un maior respecto e recoñecemento e mesmo exerceu unha notábel influencia sobre a literatura posmoderna. É por iso que os obxectivos que se marcaron neste traballo tentan responder á necesidade de determinar os produtos que responden ás características que definen a ficción científica en lingua portuguesa e galega, é dicir, identificar tanto a produción orixinal en cada unha destas linguas coma a traducida e tanto a dirixida ao público adulto coma ao infantil e xuvenil. Tamén se estabelece, dende o punto de vista diacrónico, cómo se configurou a narrativa de ficción científica nos polisistemas portugués e galego e se marcan as principais etapas de desenvolvemento desta produción. Finalmente identifícanse e descríbense as principais correntes temáticas e formais que se deron en cada período en ambos os dous polisistemas, observando as influencias que se perciben, as temáticas máis recorrentes e a súa adaptación ao contexto portugués e galego. Deste modo, ofrécese unha tipoloxía que favorece a sistematización das principais tendencias que se observan nunha produción caracterizada pola heteroxeneidade e a estreita vinculación co devir histórico da sociedade na que se produce e á que se dirixe. A ficción científica dirixida ao lectorado infantil e xuvenil é obxecto dunha especial atención, dado que se analiza pormenorizadamente para ver cómo se introduciron nesta produción os trazos propios da modalidade xenérica na que se inscribe, que relación manteñen co fantástico en xeral e co mítico e máxico en particular, como se levou a cabo a súa adecuación ao lectorado agardado, así como a incidencia nesta produción dos factores e axentes involucrados no sistema literario, como as institucións, a mediación e tamén a recepción e o mercado, que serven de elementos de comparación entre ambos sistemas a estudar. Asemade, tamén se atende á evolución da tradución e o seu funcionamento como elemento repertorial dentro da Literatura Infantil e Xuvenil, para ver se cubriu baleiros ou marcou vías transitadas posteriormente polos produtores de cada un dos sistemas obxecto de estudo, tendo en conta o proceso histórico e o momento no que xurdiron os transvases en cada un deles. A consideración de todos e cada un destes elementos propiciará a determinación das analoxías e diferenzas máis significativas entre a Literatura Infantil e Xuvenil de ficción científica portuguesa e galega. |
URI: | http://hdl.handle.net/10347/3622 |
ISBN: | 978-84-9887-771-7 |
Rights: | Esta obra atópase baixo unha licenza internacional Creative Commons BY-NC-ND 4.0. Calquera forma de reprodución, distribución, comunicación pública ou transformación desta obra non incluída na licenza Creative Commons BY-NC-ND 4.0 só pode ser realizada coa autorización expresa dos titulares, salvo excepción prevista pola lei. Pode acceder Vde. ao texto completo da licenza nesta ligazón: https://creativecommons.org/licenses/by-nc-nd/4.0/deed.gl |
Collections
Except where otherwise noted, this item's license is described as Esta obra atópase baixo unha licenza internacional Creative Commons BY-NC-ND 4.0. Calquera forma de reprodución, distribución, comunicación pública ou transformación desta obra non incluída na licenza Creative Commons BY-NC-ND 4.0 só pode ser realizada coa autorización expresa dos titulares, salvo excepción prevista pola lei. Pode acceder Vde. ao texto completo da licenza nesta ligazón: https://creativecommons.org/licenses/by-nc-nd/4.0/deed.gl